A identidade das pedras e uces do Sur da Dorsal Galega.

Curtametraxe documental sobre a importancia da identidade da paisaxe e das xentes que viven nas serras do Sur da Dorsal Galega (Serra do Suído, Serra do Faro de Avión e Serras do Montouto e A Paradanta). Segundo o Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE) as Paisaxes Identitarias de Galicia son: o cabo Fisterra, as serras do Suído e do Faro de Avión, o Monte de Santa Trega, a Ribeira Sacra e os Ancares. Cinco exemplos, segundo o IPCE, dos “procesos de interacción máis extraordinarios entre o home e o medio ambiente”. Estes cinco lugares aparecían mencionadas no proxecto “Narrando paisaxes”, unha web cun mapa interactivo no que se amosaban 100 enclaves de todo o territorio español que destacaban pola súa importancia no desenvolvemento cultural. A iniciativa formou parte do Plan Nacional de Paisaje Cultural, e estaba impulsada polo Grupo de Investigación de Paisaje Cultural da Universidad Politécnica de Madrid, co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt). Para cada unha das paisaxes, o proxecto destacaba unha serie de valores asociados (acontecementos sociais e históricos, grandes infraestruturas, actividades comerciais, agrícolas, gandeiras, industriais ou defensivas/ofensivas).


Comentarios

Entradas populares