Río Tea

O río Tea é o afluente máis importante do treito baixo do río Miño. No seus 50 quilómetros de lonxitude atravesa a comarca do Condado bañando os concellos de Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra de Miño. A conca do río Tea cobre unha área de 411 km². A meirande parte do río é un ZEC (Zona Especial de Conservación) dentro da Rede Natura 2000, xunto con varios dos seus afluentes, como os ríos Alén, Xabriña ou o rego de Borbén.

Ainda que prácticamente a totalidade do río Tea goza de importantes valores naturais, a conca alta destaca polo seu bo estado de conservación e unha menor pegada antropoxénica. Trátase dunha das zonas menos poboadas da provincia de Pontevedra e está amparada pola Serra do Suido, tamén na Rede Natura 2000. Estes e outros factores propician que a conca alta do Tea ofreza augas limpas e beiras naturais que acollen gran diversidade de plantas de ribeira. Ambos factores constitúen o hábitat idóneo para moitos invertebrados, anfibios, mamíferos e aves ligados ao medio acuático, incluíndo rarezas como o auganeiro (Galemys pyrenaicus, “Desmán de los Pirineos” en castelán) e endemismos como a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica).

O seu nacente atópase no concello de Covelo, concretamente na parte sur da Serra do Suído e na Serra do Faro, fruto da unión de dous brazos de auga a máis de 900 metros sobre o nivel do mar. A meirande parte da conca alta do Tea atópase no concello de Covelo, por onde tamén transcurren algúns dos seus principais afluentes, como río Caraño, o Alén e o Xabriña. 

Comentarios

Entradas populares